Palabras Desconxeladas
Palabras Desconxeladas
Aínda que os meus apelidos inducen algúns a erro (É galego, vostede?) son ben da Terra. Os Harguindey –orixinarios de Iparralde, que moitos coñecen por “País basco francés”)- establecéronse en Compostela hai xa dous séculos, e os Banet –probablemente procedentes da rexión do lago de Como, en Italia- tamén chegaron á Coruña aproximadamente pola mesma época.
Nacín en Lugo -onde meu pai, santiagués, era dentista- e alí vivín ata os catorce anos, momento no que -ao morrer meu pai- fumos vivir á Coruña.
Debido a esa tendencia a interpretarmos a posteriori feitos ocurridos no pasado como explicación ou influencia na nosa vida, reproducirei dúas lembranzas que poderían ser significativas:
1)Tería eu oito ou nove anos e estaba na cociña da miña casa. Non sei moi ben polo que, mais o caso é que me vexo dicíndolle fachendoso á cociñeira: Eu sei falar gallego! (“Naturalmente” a miña familia só falaba castelán). A cociñeira, rexoubeira, respóndeme: Ti que vas saber, ho!”. –Si que sei –porfío eu. –Pois a ver, logo: como se chama esto? –dixo sinalando o trebello de cociña onde se friten os alimentos. –É unha sartén –contestei ufano, seguro de aprobar o exame. –Pois non! –púxose ela, triunfal- É unha tixela.
Paréceme unha evidente mostra (houbo outras despois) de interese polo galego, un interese que se cadra era só filolóxico (no sentido máis etimolóxico da palabra) ou pre-filolóxico (no sentido máis académico).
2)Pouco tempo despois –andaría polos dez ou once anos- estou diante da libraría “Celta”, ao cabo da rúa de San Marcos. Estou lendo, asombrado os títulos un tanto estraños dunha fileira de libros do escaparate: “Dic-cio-na-rio ga-le-go da ri-ma e ga-le-go cas...cas...cas-te-lán” (Debeu ser a primeira vez que me atopaba coa palabra)... “Can-cio-nei... can-cio-ne... can-cio-ei-ro da poesía céltiga, Ju-lius Po-kor...Po-kor...Pokorny”. “Hei-de-gér, da esencia da verdade”, “Poesía inglesa e francesa ver-quida ao galego” (“Carai co gallego!).
Aquel día descubrín asombrado que se podía traducir ao galego dende o alemán, o inglés ou o francés, e que aquela lingua servía tamén para os asuntos máis raros e elevados.
Na Coruña tiven a sorte de vivir na casa do meu avó, un rexo vello que fora integrante da Cova Céltica, fundador da Academia Galega, membro dende o comezo das Irmandades da Fala, asistente significado da II Asambleia Nazonalista de Lugo e persoeiro do Partido Galeguista.
Na súa biblioteca, meu irmán Xosé Miguel e máis eu bebimos aglaiados a nosa cultura. Dende a Biblioteca Gallega de Martínez Salazar ás coleccións de Céltiga e Lar e mais as publicacións da editorial Nós, incluída a revista homónima. Dende o teatro de Lugrís Freire e de Cotarelo ás traducións de Plácido Castro e os irmáns Villar Ponte ou de Avelino Gomez Ledo. Dende a teoría política de Risco aos debuxos de Castelao.
Interesoume particularmente o da tradución. Eu xa tiña unha querenza particular pola lingua francesa e en 6º de Bacharelato comecei a traducir textiños literarios dos nosos manuais escolares.
Fumos espallando o galeguismo entre os nosos amigos e finalmente, tras un chamamento nalgúns medios de comunicación feito por Andrés Salgueiro e por min, veu a fundación de O Facho.
E despois a Universidade, onde continuou a actividade cultural galeguista e veu o compromiso político. Ao remate dos estudos unha estadía na Francia e na Bretaña, onde decidín traducir –xa de xeito rigoroso- o primeiro texto “longo”: o Poema do país que ten fame, de Paol Keineg.
Continuei logo, simultaneando co labor docente e coa actividade cultural e política, a tarefa de confección de material escolar en galego –cun grupo de compañeiros- e a de escolmas de literatura popular para rapaciños e rapaciñas (Lerias e enredos…) e as antoloxías do conto popular, todas elas realizadas coa miña muller , Maruxa Barrio.
En 1976 afincámonos en Cangas. E tan ben nos sentimos no Morrazo que non nos movimos de aquí.
Seguiron moitas outras traducións e traballos sobre o galego, sen esquecer eidos novos como o da banda deseñada, no que me introduciu o meu fillo Breixo.
Sen abandonar tampouco os traballos en equipo, en colaboración con bos e valiosos compañeiros que me honran coa súa amizade e axuda.
Como tamén me honran coa súa amizade e axuda os editores que xenerosamente me permiten poñer estas obras a disposición pública.
TRADUCIÓNS PUBLICADAS
1978. Paol Keineg: O poema do país que ten fame (“Le poème du pays qui a faim”). Edicións
do Rueiro.
1981. Michel de Ghelderode: O estraño cabaleiro (“L’étrange cavalier”). Cadernos da Escola
Dramática Galega, nº 23.
1983. Anónimo: A farsa do avogado (“Farce de Maître Pathelin”). Cadernos da Escola
Dramática Galega, nº 34.
1989. Alfred Jarry: Ubú rei (“Ubu roi”). Cadernos da Escola Dramática Galega, nº 80
1990-92. Diversos álbumes de banda deseñada de diferentes autores (Gabrion, Wasterlain,
Barcelo e Tripp, Dieter e Plessix, Authemann e Rousseau, Morris, Fauche e Léthurgie,
Bourguignon, Yann e Edith). Edicións Xerais de Galicia.
1991.François Rabelais: Gargantúa e Pantagruel. Xunta de Galicia.
1993.Rutebeuf: O dito da herbería (“Le dit de l’herberie”) / Anónimo: Monólogo do Arqueiro franco de Bagnolet (“Monologue du Franc-Archer de Bagnolet”). Revista Galega de Teatro, nº 9.
1995.Raymond Queneau: Exercicios de Estilo (“Exercices de Style”). Edicións Xerais de
Galicia. (En colaboración con Xosé Manuel Pazos Varela).
1996.Jacques Prévert: Carta das Illas Bailarinas (“Lettre des îles Baladar”). Edicións Xerais de Galicia.
1996.Bernard-Marie Koltès: A noite xusto antes dos bosques / Combate de Negro e de can
(“La nuit juste avant les forêts” / “Combat de nègre et de chiens”). Edicións Laiovento.
1998.Victor Hugo: O reiciño de Galicia (“Le Petit Roi de Galice”). Edicións Laiovento.(Reedición en 2005 na Biblioteca Galega de Clásicos Universais de La Voz de Galicia)
1998. Eugène Ionesco: Macbett. Edicións Xerais de Galicia.
1999.Max Jacob: Historia do rei Kabul 1º e do seu pinche Galván (“Histoire du roi Kaboul 1er et de son marmiton Gauwain”). Editorial Ir Indo.
1999.Diversos contos infantís de varios autores (José Parrondo, Kessler, etc). Editorial
Kalandraka.
1999.Voltaire: Cándido (“Candide”). Edicións Xerais de Galicia. (Reeditado en 2005 na
Biblioteca Galega de Clásicos Universais de La Voz de Galicia)
1999.Tres pezas cómicas medievais [Dito da herbaría, Monólogo do Arqueiro Franco de
Bagnolet, Farsa do avogado Patelín] Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado
Mayor. Departamento de Filoloxías Francesa e Galego-Portuguesa. Universidade da
Coruña.
2000.Boris Vian: Os constructores de imperios ou o schmürz («Les bâtisseurs d’empire ou
lschmürz ») . Edicións Laiovento.
2001. Boris Vian: A escuma dos días (“L’écume des jours”). Edicións Laiovento.
2002. Eugène Ionesco: A cantante calva (“La cantatrice chauve”). Edicións Laiovento.
2003.Jacques Prévert: Entradas e saídas (« Entrées et sorties ») e A familia
Todosaconchegados (« La famille Tuyau-de-poële »). Revista Galega de Teatro, nº 35.
2004. Eugène Ionesco: Rinoceronte (“Rhinocéros”). Edicións Laiovento.
2004. François Rabelais: Cuarto Libro (“Quart livre”). Edicións Laiovento.
2006. Jean-Jacques Rousseau: Emilio ou da educación (“Émile ou de l’éducation”). Clásicos do
Pensamento Universal. Universidade de Santiago/Fundación BBVA.
2007. Molière: O burgués fidalgo (“Le bourgeois gentilhomme”). Edicións Laiovento.
2008. Eugène Labiche: O caso da rúa de Lourcine (“L’affaire de la rue de Lourcine”). Cadernos. Teatro. Nº 10. Edicións Laiovento.
2009. Raymond Queneau: Zazí no metro (“Zazie dans le métro”). Edicións Laiovento.
2009. Suzanne Lebeau: O Ogrocho (“L’Ogrelet”). Revista Galega de Teatro, nº 61.
2014. Wajdi Mouawad: Arelantes (“Assoiffés”). Revista Galega de Teatro, nº 80.
2015.Cyrano de Bergerac: O Outro Mundo ou os Estados e Imperios da Lúa. (“L’Autre Monde ou les États et Empires de la Lune”)
palabrasdesconxeladas.gal
2015. Pierre Louÿs: As cancións de Bilitis. palabrasdesconxeladas.gal
2015. Max Jacob: A coroa de Vulcano. Grial, nº 208, outubro, novembro, decembro 2015.
2015. Jean Froissart: Crónica de Galiza no século XIV. palabrasdesconxeladas.gal
2016.Anónimo: Historia do nobre Ponto, que foi rei de Galiza e de Bretaña. Rinoceronte
Editora.
2016.Alfred Jarry: Ubú Colonial. palabrasdesconxeladas.gal
2017.Victor Hugo: O derradeiro día dun condenado / Claude Gueux. Edicións Laiovento.
2017 Philippe Meirieu: Carta a un profesor mozo . Kalandraka.
2018: Jean Piaget: A psicoloxía infantil e a nova educación. Kalandraka
2018: Molière: O Tartufo. Edicións Laiovento
OUTRAS OBRAS
1983.Lerias e enredos para os máis pequenos . Editorial Galaxia. (En colaboración con Maruxa
Barrio)
1983. Contos populares galegos . Editorial Galaxia. (En colaboración con Maruxa Barrio)
1994.Antoloxía do conto popular galego . Editorial Galaxia. (en colaboración con Maruxa
Barrio).
1995.Estilo de exercicios para “Exercicios de Estilo”. Edicións Xerais de Galicia. (En
colaboración con Xosé Manuel Pazos Varela)
1999. A saquetiña da lingua . Edicións Xerais de Galicia.
2005. O fío da lingua . Edicións Laiovento.
2009. La Galice, dez séculos de olladas francesas . Biblioteca de Divulgación. Serie Galicia.
Universidade de Santiago de Compostela.
2010.Desaprenda a falar galego en 15 días cos erros dun tradutor automático . Edicións
Laiovento.
2011.Café Providencia (“Providence Café”), de Mohamed Rouabhi, para Teatro do Morcego
(representado co título de American café )
2011. La Galice racontée par des Français. palabrasdesconxeladas.gal
2014. Flor da cantiga . palabrasdesconxeladas.gal
2014.Caixiña de música. palabrasdesconxeladas.gal
2019 Como dicilo? palabrasdesconxeladas.gal
perfil
Nome
Henrique Harguindey Banet
Nacemento
Lugo, 1946
Ubicación
Cangas do Morrazo
profesión
Título
Licenciado en Filoloxía
Francesa
Profesión
Catedrático de Francés de Bacharelato (xubilado)
contacto
Henrique Harguindey Banet
Curriculum